Nova

Fabiola García destacou o compromiso da Asociación Misela no aumento da autonomía das persoas con discapacidade

A conselleira de Política Social informou de que se financian oito novas prazas públicas no centro de día que se suman ás sete que xa existían no centro ocupacional

Noia (A Coruña), 22 de outubro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo en valor o traballo da Asociación Misela no aumento da autonomía das persoas con discapacidade durante os seus 25 anos de historia. Así o manifestou durante unha visita realizada esta mañá ao centro afincado en Noia.

Fabiola García destacou a importancia de que as administracións traballen da man das entidades sociais para ofrecer a mellor atención ás persoas que máis o necesitan. Neste sentido, informou de que o Goberno galego financiou oito novas prazas públicas no centro de día, que se suman ás sete que xa existían no centro ocupacional.

Con este incremento, a asociación conta cun total de 15 prazas públicas para a asistencia das persoas con discapacidade, tanto na atención temperá, como na atención diúrna e no desenvolvemento da súa autonomía, cun centro ocupacional que mellora as súas competencias laborais. Un labor que vén realizando durante as dúas últimas décadas converténdose nun referente para a comarca.