Nova

A Xunta divulga o traballo da Fundación Ronsel por mellorar as oportunidades laborais das persoas en risco de exclusión

A sede central da Administración autonómica acollerá durante un mes unha mostra cos programas e servizos que presta esta entidade galega

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, presentou esta mañá a exposición da Fundación Ronsel que durante un mes ocupará o espazo da pirámide do edificio administrativo de San Caetano e coa que a Xunta de Galicia pon en valor o traballo no eido da inserción sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade que leva a cabo esta entidade. Esta actividade forma parte do ciclo de exposición Olladas Inclusivas da Xunta de Galicia.

Arturo Parrado fixo fincapé na importancia desta mostra para dar máis visibilidade á Fundación Ronsel que atende cada ano a máis 1500 persoas inmigrantes, realiza un millar de asesoramentos a mozas e mozos en risco de exclusión e imparte arredor de 4.500 horas de formación para a procura de emprego e para o autoemprego. Neste sentido, destacou que o emprego e a formación son fundamentais para avanzar cara á igualdade real de oportunidades e unha sociedade máis integradora.

A exposición da Fundación Ronsel é a sétima do ciclo Olladas Inclusivas, iniciativa coa que a Administración autonómica quere divulgar os programas, servizos e o labor diario e a pé de rúa que realizan as entidades sociais de Galicia.