Nova

Abre a inscrición nos cursos de formación para monitores e directores de actividades de tempo libre

Ofértanse 225 prazas para profesionais no eido da educación do tempo libre vinculada a mozas e mozos con discapacidade, así como á loita contra a violencia de xénero

Todos os cursos son de carácter presencial e realizaranse en colaboración con entidades especializadas nesta materia

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2019.- A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ofrece 225 prazas en diferentes cursos de formación para monitores, directores de campamentos e campos de voluntariado, e demais profesionais no eido da educación do tempo libre vinculada á atención de mozas e mozos con discapacidade, así como á loita contra a violencia de xénero. Todo os cursos realizaranse en colaboración con entidades especializadas neste ámbito.

A convocatoria para inscribirse nestas accións formativas, que son de carácter presencial, está xa aberta e os lugares, datas e contido de cada unha delas pódense consultar na páxina web de Xuventude. O obxectivo é que os profesionais coñezan os recursos e estratexias que lles permitan dar resposta ás necesidades educativas das nenas e nenos, ademais de concienciar e reflexionar sobre a importancia do ocio inclusivo.

A instalación xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, acollerá o primeiro dos cursos os días 8, 9 e 10 de novembro, que versará sobre o ocio inclusivo para as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Entre outros contidos, as persoas que participen coñecerán como aproveitar as novas tecnoloxías da información e a comunicación e as aplicacións móbiles para dinamizar o tempo libre das mozas e mozos con TEA.

Tamén o vindeiro mes de novembro, en concreto os días 15, 16 e 17, terá lugar no albergue xuvenil de Gandarío o curso “Son monitor/a inclusivo/a?. Conecta coa diversidade na Campaña de Verán. Nesta acción formativa abordaranse cuestións como o modelo de ocio inclusivo ou as ferramentas para a planificación dun campamento atendendo á diversidade.

Así mesmo, no Centro de atención integral de Amicos en Boiro impartirase o curso A inclusión a través do xogo, os días 11, 18 e 25 de novembro, no que se tratará, entre outras cuestións, o modo de adaptar o xogo, as contornas e espazos a todas as necesidades dos participantes.

Espazos libres de violencia de xénero

Este plan formativo tamén trata de instruír ás persoas voluntarias e aos axentes educativos no ámbito do lecer e tempo libre en materia de violencia de xénero para que poidan actuar na prevención, detección e posible intervención ante situacións deste tipo. Outra finalidade destes cursos é achegar ás mozas e mozos que participan en actividades de tempo libre unha mensaxe contra a violencia.

Con esta finalidade, a Dirección Xeral de Xuventude desenvolverá, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, seis accións formativas para consolidar espazos libres de violencia de xénero. Estes cursos desenvolveranse entre os meses de outubro e novembro na Casa do Deporte de Vigo e no Espazo Xove de Ourense (do 14 ao 17 de outubro en ambos lugares), no albergue xuvenil LUG2 e no local de Quérote+ na Coruña (do 21 ao 24 de outubro nos dous casos), no Espazo Xove de Vilagarcía (do 4 ao 7 de novembro) e no Centro Coordinador de Información Xuvenil, en Santiago de Compostela (do 11 ao 14 de novembro).