Nova

A Xunta de Galicia anuncia a posta en servizo do centro de día de Cuntis no mes de outubro

Recibirá os primeiros usuarios no vindeiro mes

Investiuse arredor dun millón de euros na construción e equipamento da infraestrutura

Cuntis (Pontevedra), 23 de setembro de 2019.- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e membros da corporación municipal de Cuntis, o centro de día desta localidade pontevedresa.

O xerente do Consorcio avanzou que durante vindeiro mes de outubro irán incorporándose os primeiros usuarios de forma paulatina, unha vez se realicen os trámites administrativos para a adxudicación das prazas. O centro conta cunha capacidade máxima de 40 usuarios, aínda que comezará a funcionar con 20 prazas que se poderán ir ampliando segundo a demanda.

A entrada en funcionamento deste centro de día é posible unha vez que o Concello dotouno dos servizos necesarios, como a acometida eléctrica, o saneamento ou o acceso rodado desde a estrada. O xerente recordou, así mesmo, que antes do verán se firmou o convenio de xestión do recurso segundo o modelo de cofinanciamento asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A Xunta de Galicia investiu preto do millón de euros na construción e no equipamento do centro, que se incorporará á rede de centros de atención aos maiores da Xunta de Galicia e que lle dará servizo non só aos usuarios do municipio de Cuntis se non que a todos os concellos da súa contorna.