Nova

Fabiola García gaba o traballo diario de Agadea a favor das persoas con alzhéimer e das súas familias

Destacou a vontade solidaria desta asociación e defendeu o importante papel que teñen os coidadores das persoas que sofren esta doenza

A conselleira de Política Social participou na gala solidaria polo 25 aniversario desta entidade no Día Mundial do Alzhéimer

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, gabou o traballo diario que realiza a Asociación Galega de Axuda ós Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer a favor destas persoas e das súas. Fíxoo esta tarde durante a gala solidaria celebrada polo 25 aniversario desta entidade, que coincidiu coa celebración do Día Mundial do Alzhéimer.

Fabiola García destacou a vontade solidaria desta asociación e defendeu o importante papel que teñen os coidadores das persoas que sofren esta doenza. Nesta liña, salientou o compromiso do Goberno galego con asociacións como Agadea, que durante os 365 días do ano están ao carón dos que loitan por recordar.

A conselleira de Política Social tamén manifestou que a sociedade se atopa ante un gran desafío que debe afrontar en conxunto. Incidiu en que para continuar con esta loita é necesario a complementariedade da investigación científica, a atención sanitaria e a atención social. Estas disciplinas permitirán a posibilidade de contar cun diagnóstico temperá para poder previr a enfermidade e frear o seu desenvolvemento.

Ademais, defendeu que despois de conseguir que a esperanza de vida aumentou de maneira considerable, “agora fagamos realidade non só vivir máis anos, senón mellor”, apuntou.

Por último, a conselleira sinalou que as administración públicas deben continuar impulsando a investigación, así como seguir garantindo os servizos de atención e as prestacións de axuda necesarios para facer máis doada esta doenza, tanto as persoas que a sofren como ás súas familias.