Nova

A Xunta de Galicia oferta 600 prazas para a mocidade en aloxamentos rurais con actividades de educación non formal, ocio e coñecemento da natureza

Xuventur é unha iniciativa gratuíta que oferta oito programas de actividades en diferentes puntos da comunidade

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019.- A Xunta de Galicia impulsa a educación non formal a través dunha nova edición do programa Xuventur, que conta con 600 prazas para mozas e mozos de entre 18 e 35 anos. Así o anunciou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, durante a presentación desta iniciativa.

Xuventur está dirixido á xente nova empadroada en Galicia que teña entre 18 e 35 anos no momento da solicitude e que queira gozar dun programa de actividades de educación non formal nos espazos naturais da nosa comunidade. Esta iniciativa procura a adquisición de competencias e habilidades por parte da mocidade e fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

Desta maneira, haberá oito programas con diversas actividades dentro de Xuventur: Aventura e autodescubrimento, en Valdoviño (A Coruña); Natureza Audiovisual e 3D, en Cervantes (Lugo); Multiaventura en Terra de Trives; a Natureza que te coida, en Covelo (Pontevedra); Camiños naturais, camiños vitais, en Carnota (A Coruña); Aventura dende as emocións, na Estrada (Pontevedra); Descubrindo o xeoparque do Courel (Lugo); Naturalmente outono, no Parque natural do Xurés (Ourense).

Cómpre indicar que todos estes programas inclúen aloxamento en establecementos turísticos de Galicia situados no medio rural, manutención completa desde a cea do venres ata o almorzo do domingo e programa de actividades, equipo técnico responsable, así como o material preciso para o seu desenvolvemento. Ademais, o número de prazas dispoñibles en cada unha das opcións e fins de semana é de 18.

O prazo de inscrición comezará o vindeiro luns 23 ás 9,00 horas. Cada persoa solicitante só poderá elixir un programa e unha das quendas das que se oferta, se ben no caso de que queden prazas libres, ofreceráselle aos mozos e mozas que presentaran xa unha solicitude de participación a posibilidade de inscribirse noutro programa no que haxa vacantes.