Nova

A Xunta de Galicia financia 37 proxectos de voluntariado sénior de entidades e concellos

Unha ducia corresponden a concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia e os 25 restantes a entidades de acción voluntaria

Destínanse 120.000 euros a financiar as actividades e proxectos que conten coa participación de persoas maiores de 55 anos

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019.- A Xunta de Galicia financia 37 proxectos de Voluntariado Sénior de entidades de acción voluntaria e concellos inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da concesión desta nova liña de subvencións da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que sufraga iniciativas que teñen como obxectivo incorporar aos maiores de 55 anos como persoas voluntarias.

Esta orde de axudas conta cun orzamento de 120.000 euros. Cómpre recordar que os proxectos terán unha duración de entre 15 e 60 días, e levaranse a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano 2019.

Deuse prioridade aos proxectos que procuran a promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021; actividades de recuperación da cultura, a arte e as tradicións galegas; conservación e mellora da natureza e creación de contornas sustentables; igualdade de xénero; iniciativas orientadas á innovación e investigación sobre o benestar dos maiores; accións de humanización de contornas rurais e urbanas; fomento de uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación; sondaxes sobre as necesidades da veciñanza; eliminación dos estereotipos sobre as persoas maiores e fomento da cooperación interxeracional entre os maiores e a mocidade, como xeito de aprendizaxe mutuo.

O programa de Voluntariado Sénior cumpre un triplo obxectivo. O primeiro, manter a Galicia como comunidade de referencia neste ámbito, con máis de 8100 persoas que participaron en iniciativas autonómicas de voluntariado en 2018, un 5% máis que o ano anterior. O segundo é contribuír ao envellecemento activo e o terceiro obxectivo consiste en aproveitar os coñecementos e a experiencia das galegas e galegos de máis idade, que ten unha importancia vital a nivel social.