Nova

Fabiola García avoga polo voluntariado para que a mocidade coñeza o patrimonio natural de galicia e axude na súa posta en valor

Máis de 400 persoas voluntarias participarán este ano nas accións que se levan a cabo dentro desta iniciativa que se desenvolve en espazos naturais de toda Galicia

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 14 de setembro 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, valorou hoxe os programas de voluntariado ambiental da Xunta de Galicia como unha oportunidade para que a xuventude coñeza os nosos espazos naturais e contribúa a revalorizalos. Díxoo na visita ás oito mozas e mozos, entre os 18 e os 30 anos, que esta fin de semana afánanse na preservación da Illa de Cortegada, ao abeiro do programa europeo Lewo (Life Evergreen with Volunteers), no que tamén participa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Fabiola García, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, sinalou que iniciativas como esta demostran que a mocidade é a mellor ferramenta de concienciación no respecto polo noso patrimonio natural. Tamén incidiu en que o Lewo axuda a potenciar a a riqueza medio ambiental de Galicia, fomenta o respecto pola nosa paisaxe e favorece a implicación da xuventude no coidado da natureza.

No que vai de ano, xa foron 230 as persoas voluntarias que participaron nas accións levadas a cabo dentro deste programa e prevese que ao remate do ano sumarán máis de 400. Estes voluntarios ocúpanse de realizar tarefas de limpeza, sinalización e catalogación da flora e fauna dos espazos nos que interveñen. Así mesmo, eliminan especies invasoras, participan en talleres didácticos e de sensibilización, e tamén en actividades de ocio educativo.

A Illa da Cortegada é un dos hábitats naturais nos que se está a desenvolver na actualidade esta iniciativa. As outras contornas nas que tamén se están a realizar tarefas de voluntariado ambiental son a Ribeira Sacra-Canón do Sil; O Courel; a reserva da biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón; Terras do Miño; Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; os parques naturais de Baixa Limia-Serra do Xurés e Monte Aloia; as dunas de Corrubedo e as illas que, xunto á de Cortegada, forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

A conselleira garantiu a continuidade deste proxecto de cara ao vindeiro ano, xa que a concienciación sobre o coidado do medio ambiente ten que ser unha prioridade para o conxunto da sociedade. Ademais, fixo fincapé en que Galicia é un referente en materia de voluntariado, con máis de 8000 persoas que participan activamente nos programas da Xunta e con 970 entidades inscritas.