Nova

A Xunta de Galicia aposta porque as persoas con discapacidade tomen o protagonismo que lles corresponde na sociedade

Destínanse 860.000 euros a reforzar os servizos e programas da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg)

Lugo, 14 de setembro 2019.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou hoxe a importancia de dar visibilidade ás persoas que teñen a súa autonomía limitada, co obxecto de que teñan o protagonismo que lles corresponde na sociedade e para que todos tomemos unha maior conciencia das barreiras de todo tipo que aínda hoxe teñen que superar. Díxoo na apertura da VI Convivencia de persoas maiores xordas de Galicia celebrada no albergue xuvenil Lug2.

Ildefonso de la Campa destacou a colaboración que a Consellería de Política Social mantén coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), organizadora deste encontro, co obxectivo de mellorar a calidade de vida desta poboación. Este ano a achega autonómica a Faxpg ascende a 860.000 euros, unha contía que permite reforzar servizos como o de atención psicolóxica e de logopedia, poñer en marcha máis proxectos de inserción sociolaboral e desenvolver programas avanzados orientados á adquisición de habilidades para a vida autónoma.

O director xeral tamén sinalou a aposta do Goberno galego por continuar co traballo conxunto coas entidades para que as persoas con discapacidade acaden maiores niveis de autonomía e benestar. Ao respecto, apuntou que os orzamentos da Xunta invisten este ano 106 millóns de euros neste ámbito, un 60% máis que o que se destinaba á discapacidade hai dez anos.