Nova

Política Social financia con 296.000 euros accións formativas e de apoio ás persoas inmigrantes levadas a cabo por Xarela

Arturo Parrado destaca a importancia da formación como ferramenta básica para facilitar a transición ao emprego das persoas que están en risco de exclusión

Ourense, 13 de setembro 2019.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na entrega de diplomas das actividades formativas realizadas pola asociación Xarela e financiadas pola Administración autonómica a través da orde de axudas a entidades de iniciativa social. A Xunta de Galicia concedeu a Xarela unha achega de 296.000 euros para o período 2018-2020 que se destina á organización de cursos formativos, a prestar apoio a poboación inmigrantes de cara a súa integración social e laboral.

Arturo Parrado fixo fincapé na importancia da formación como ferramenta básica para facilitar a transición ao emprego das persoas que están nunha situación de especial vulnerabilidade. Neste ámbito destacou a actividade que desenvolve Xarela, á que lle garantiu a continuidade do apoio do Goberno galego. En concreto, no acto desta mañá recibiron os seus diplomas o alumnado que completou os cursos de alfabetización dixital, sobre novas tecnoloxías da información e a comunicación, e de preparación das competencias clave levados a cabo por esta entidade ourensá.

O director xeral sinalou que a Xunta de Galicia traballa polos máis desfavorecidos, principalmente desde dous eixes. O primeiro, mediante o apoio ao amplo tecido de asociacións que desenvolven a súa actividade a pé de campo, ao carón das persoas que máis precisan de apoio. O segundo, a través da axenda social única, a maior mostra da intensa colaboración e coordinación entre Xunta, o resto de administracións e as entidades para que as políticas sociais gañen en eficacia e cheguen aos fogares máis dependentes.

Arturo Parrado tamén destacou o fondo compromiso social do Executivo autonómico, que este ano 2019 inviste 119 millóns de euros en políticas activas de inclusión. Esta cantidade supón un 70% máis do que se destinaba á loita contra as desigualdades hai dez anos.