Nova

A Xunta aumentou en 30 prazas a oferta de atención a persoas con parálise cerebral a través de Apamp desde o ano 2009

Destínanse 1,2 millóns de euros a poñer a disposición das familias de Vigo 82 prazas concertadas nos centros ocupacional e de día, na residencia e na vivenda que ten en funcionamento Apamp

Vigo, 12 de setembro 2019.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou esta tarde o traballo da Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), entidade de referencia en Galicia na atención a este colectivo. Díxoo durante a visita ao centro residencial que xestiona esta asociación a través do que a Xunta de Galicia pon a disposición das familias viguesas 30 prazas públicas.

Ildefonso de la Campa salientou a importancia de sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre esta doenza para fomentar un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ás persoas que padecen este tipo de trastorno. Así mesmo, garantiu a continuidade do apoio da Administración autonómica a Apamp, que conta tamén cun centro ocupacional, un centro de día e coa vivenda residencial Camelias.

Nos últimos anos, o Goberno galego intensificou as liñas de colaboración con esta entidade, ata chegar na actualidade ás 82 prazas concertadas nos seus diferentes recursos, unha trintena máis que en 2009. Este aumento tradúcese tamén nun incremento do financiamento, que pasou dos 470.000 euros que se investían hai unha década a superar os 1,2 millóns de euros neste exercicio.

O director xeral fixo fincapé en que a atención ás persoas con discapacidade é un dos eixos prioritarios para o Executivo autonómico, de aí que o orzamento destinado a este ámbito en 2019 ascenda a 106 millóns de euros, un 63% máis que hai dez anos.