Nova

Política Social publica mañá no DOG a nova orde de axudas para financiar programas sociais con cargo ao 0,7% do IRPF

Poderanse beneficiar entidades do terceiro sector que realicen actuacións nos ámbitos da inclusión social; da atención a persoas maiores e con discapacidade; da xuventude e do voluntariado; e da infancia, familia e dinamización demográfica

Ademais de programas, financiaranse gastos de equipamento, obras de adaptación e rehabilitación, a adquisición de vehículos adaptados e proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención a persoas maiores ou con discapacidade

Santiago de Compostela, 12 de setembro 2019.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a nova orde de axudas da Consellería de Política Social destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para este ano 2019. Esta convocatoria diríxese a entidades do terceiro sector de acción social e o seu crédito ascende a 11,5 millóns de euros.

As entidades interesadas nesta orde de subvencións terán un mes de prazo para solicitalas, contado a partir do día seguinte á súa publicación no DOG. Poderanse beneficiar destas achegas aquelas que estean legalmente constituídas e inscritas nos rexistros da Xunta, carezan de ánimo de lucro e acrediten experiencia e especialización durante un prazo mínimo de dous anos, entre outros requisitos.

A través desta liña de axudas financiaranse actuacións que melloren a situación de persoas en risco de exclusión social, incluíndo o colectivo xitano, poboación reclusa e exreclusa, persoas asiladas e migrantes, entre outras. Tamén se sufragarán intervencións nos ámbitos da familia, a infancia e a dinamización demográfica; de promoción da autonomía persoal e apoio a persoas maiores ou con discapacidade; e de fomento da participación da xuventude e do voluntariado.

Así mesmo, as entidades poderán destinar as axudas que reciban a sufragar a adquisición de equipamento e de vehículos adaptados, obras de adaptación e rehabilitación, e proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade.

As solicitudes tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, polo que estarán abertas a todas as entidades que propoñan a realización dun programa que se axuste aos obxectivos desta convocatoria. Para facilitar a tarefa das entidades anticiparáselles o 100% da axuda. Cómpre indicar que coa convocatoria do IRPF do ano pasado, a Xunta apoiou máis de 300 programas sociais impulsados por un centenar de asociacións, entidades e federacións.

Outras convocatorias

Esta orde de axudas do IRPF que depende da Consellería de Política Social é a de maior contía. A Administración autonómica xestiona outro millón máis desta asignación tributaria, dos cales máis de 450.000 euros corresponden a actuacións de loita contra a violencia de xénero e de fomento da igualdade que se canalizan a través de Vicepresidencia, e outros 500.000 euros por medio de Sanidade para a prevención e atención integral a persoas con trastornos aditivos.

Galicia e o resto de comunidades autónomas xestionan o 80% da asignación tributaria do 0,7% do IRPF, tras unha sentencia do Tribunal Constitucional que cambiou a situación anterior na que todo o revestía o Goberno central. Este ano é a primeira vez que, chegados ao último trimestre do exercicio, o Goberno central aínda non comunicou cal será a cantidade definitiva a repartir entre as entidades de acordo co crecemento na recadación do IRPF. O que si asegurou o Executivo central é que a contía mínima será a mesma que o ano pasado, que no caso de Galicia ascende a 12,5 millóns de euros.