Nova

A Xunta de Galicia pon en valor as zonas de observación ornitolóxica do Grove a través dun campo de voluntariado

Un grupo de 17 mozas e mozos, entre os 18 e os 30 anos, procedentes de Galicia, doutras comunidades autónomas e do estranxeiro (Italia, México e Alemaña), ocúpanse tamén da sinalización dos lugares de especial protección para as aves

O Grove (Pontevedra), 9 de setembro 2019.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, pasou parte da xornada de hoxe cos 17 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que comparten experiencia no campo de voluntariado A terra que habita o mar, que se está a desenvolver no concello do Grove ao abeiro da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Destaca a variada procedencia dos participantes, entre os que hai rapaces e rapazas de Galicia, doutras comunidades autónomas e tres que veñen de Italia, México e Alemaña.

Cristina Pichel destacou o emprazamento no que ten lugar este campo: unha zona de influencia do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e de especial protección para aves, xa que é unha contorna de parón nas migracións europeas e euroafricanas. De feito, entre as actividades que están a levar a cabo as voluntarias e voluntarios está a recuperación das estruturas de observación ornitolóxica, así como a sinalización e revisión dos carteis existentes na zona de observación de aves.

O plan de traballo tamén contempla a limpeza e extracción de especies invasoras, o deseño de textos e contidos para a posta en valor dos espazos nos que se están a realizar as intervencións, a publicación web e a instalación de códigos QR para a divulgación do valor medio ambiental da contorna. No que atinxe ás actividades complementarias, están encamiñadas a que os participantes coñezan O Grove e os seus arredores, con saídas á Illa de Ons e a Portonovo. Así mesmo, o programa deste campo de voluntariado inclúe a práctica de deportes de contacto coa natureza como o bodyboard, mergullo en superficie (snorkel), kayak ou sendeirismo, entre outros.

Unha trintena de alternativas

A terra que habita o mar é unha das cinco novas propostas da oferta deste verán do Goberno galego en campos de voluntariado. As catro restantes foron: a que tivo lugar o mes pasado nas dunas de Corrubedo, en Ribeira; outra de temática ambiental en Manzaneda, que se celebrou tamén en agosto; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros desenvolvido en xullo; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal denominado Vía Xacobea: vía da prata, e que tivo como escenario Boqueixón e Vedra entre os pasados días 13 e 24 de xullo.

A Campaña de Verán deste ano, iniciada o pasado mes de xullo, achega á mocidade preto de 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas e actividades para maiores de 18 anos.