Nova

A Xunta inicia un novo curso nas escolas infantís de titularidade autonómica con 8461 nenos e nenas de 0 a 3 anos matriculados

No presente curso 2019-2020, Galicia pon a disposición das familias máis de 25.000 prazas sostidas con fondos públicos, o que eleva a ratio de cobertura ata o 44% e sitúa a nosa comunidade 11 puntos por riba da media recomendada pola UE

Abrirá a nova escola infantil de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, e incrementarase unha unidade nas escolas infantís de Cedeira, Ponteceso e Lalín-Pontiñas e dúas unidades na de Arzúa
 

Ames (A Coruña), 4 de setembro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá en Ames a escola infantil de Bertamiráns coincidindo co inicio do novo curso escolar nos centros pertencentes á rede pública autonómica que abren as súas portas cun total 8461 nenos e nenas de 0 a 3 anos admitidos, 201 máis que o curso anterior.

A distribución por provincias dos admitidos é a seguinte: 3479 menores na da Coruña, 3168 na de Pontevedra, 911 na de Lugo e 903 na de Ourense. Así mesmo, cómpre salientar que se reservan 497 prazas para emerxencias e que o número de vacantes ascende a 1187. Para acceder as estas prazas, as familias xa poden acollerse ao período de matrícula extraordinario que rematará en novembro.

No presente curso 2019-2020, Galicia pon á disposición das familias máis de 25.000 prazas sostidas con fondos públicos. Este ano abrirá a nova escola infantil de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, e tamén se incrementa unha unidade nas escolas infantís de Cedeira, Pontenceso e Lalín-Pontiñas e dúas unidades na escola infantil de Arzúa.

Outras das novidades é que este é o primeiro ano que está en vigor o requisito de que as nenas e nenos deban cumprir o calendario de vacinación para acceder a unha praza pública nunha escola infantil. Neste sentido, a conselleira de Política Social destacou que este requisito “foi plenamente asumido polas familias e comprendido pola sociedade galega”, proba disto é que a totalidade das nais e pais que solicitaron praza teñen os seus fillos correctamente vacinados.

Fabiola García destacou que o Goberno galego segue a traballar para ofrecer máis oportunidades á hora de conciliar co obxectivo de facer desta comunidade o mellor lugar para formar unha familia. Desta maneira, recordou que Galicia contará nos vindeiros meses con 76 Casas Niño, 15 novas da última convocatoria que acaba de pechar e que suporán 380 prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos en municipios de menos de 5000 habitantes.