Nova

A Xunta facilita ás familias de Rábade unha casa niño como recurso gratuíto de atención á infancia e conciliación

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro, que inciou a súa actividade en xuño e conta con cinco nenos e nenas inscritos

Balseiro lembrou que Política Social apoia na provincia 16 casas niño, que dan servizo a menores de ata 3 anos nos municipios rurais
 

Rábade (Lugo), 03 de setembro de 2019.- A Consellería de Política Social facilita un novo recurso de conciliación gratuíto ás familias do concello de Rábade co impulso da Casa Niño ‘O meu ben’, que presta atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro, que iniciou a súa actividade en xuño na Avenida de Vilalba e conta con cinco menores inscritos. O servizo préstase en horario flexible entre as 08.00 e as 16.00 horas.

As instalacións puxéronse en marcha co apoio da Administración galega a través da convocatoria de axudas do ano 2018, que na provincia de Lugo tamén supón a apertura de novas casas niño nos concellos do Páramo e Triacastela. En total, son 16 os centros destas características que apoia a Xunta na provincia de Lugo.

Balseiro incidiu na importancia de facilitar recursos de conciliación e atención á primeira infancia nos concellos rurais e nese sentido, lembrou que a Consellería de Política Social continuará a subvencionar a actividade das casas niño que en 2019 rematan a experiencia piloto, que tiña unha duración de tres anos.

A Xunta financia o servizo integramente, concedendo aos titulares unha axuda económica de 15.000 euros para as obras de acondicionamento e equipamento das instalacións, máis unha prima de 19.600 euros por ano para os gastos de mantemento.

As Casas Niño son un recurso sen custo para as familias pensado para os concellos máis pequenos -con menos de 5.000 habitantes- nos que non exista ningún outro servizo de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos.

A Consellería de Política Social activou a finais de xullo a cuarta convocatoria de axudas para seguir a estender a rede de Casas Niño en todo o territorio -actualmente xa se atopa pechado o prazo de presentación de solicitudes-. Está dotada con 1,1 millóns de euros para crear 15 novos centros deste tipo en Galicia.