Nova

Política Social acometerá novas obras de mellora da accesibilidade na residencia de tempo libre de Panxón

O obxectivo é facer do centro un lugar plenamente inclusivo, sen barreiras cognitivas nin arquitectónicas

A instalación xa conta con pictogramas que a fan accesible a persoas con autismo e alteracións da linguaxe

Tamén se acometeu a reforma completa dos aseos e dotouse ao de homes dun cambiador de bebés

Ao longo do verán pasarán por estas instalacións máis de un milleiro de persoas
 

Nigrán (Pontevedra), 29 de agosto de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, compartiu parte da xornada de hoxe coas familias que desfrutan duns días de descanso na Residencia de Tempo Libre de Panxón, onde anunciou que proximamente se acometerán obras de mellora das instalacións e de accesibilidade por valor de 140.000 euros. Nesta última quenda de agosto, alóxanse no centro 160 persoas de 49 familias que proveñen de 20 provincias de toda España.

Fabiola García explicou que as novas actuacións previstas darán continuidade ás xa executadas e terán como obxectivo primordial facer do centro un lugar plenamente inclusivo e máis amable coas familias. Entre as obras xa realizadas está a reforma completa da zona de aseos, coa que ademais se dotou ao de homes de cambiador de bebés. Tamén se instalaron pictogramas como os que xa se puxeron noutros edificios da Administración autonómica para eliminar as barreiras cognitivas e comunicativas que afectan ás persoas con autismo e alteracións da linguaxe. A seguinte actuación centrarase en suprimir os obstáculos físicos con obras de accesibilidade para que todas as persoas usuarias poidan desfrutar plenamente destas instalacións. Así mesmo, as novas obras proxectadas inclúen a mellora da fachada do edificio.

A conselleira salientou que a intención do Goberno galego é que este tipo de medidas sirvan de exemplo e referencia para outras que outras administracións, empresas e entidades públicas e privadas avancen na procura de que tanto as súas instalacións como os servizos que prestan sexan accesibles para todo o mundo.

A residencia de Panxón, xunto coa do Carballiño, son as dúas destinadas ao turismo familiar no período estival que xestiona a Xunta de Galicia coa finalidade de facilitar ás familias o acceso a unhas vacacións a un prezo razoable en contornas privilexiadas, cunha ampla oferta de actividades e un servizo de pensión completa. Pola de Panxón pasarán ao longo deste verán máis de 1000 persoas distribuídas en sete quendas, das cales tres reserváronse para familias numerosas, acolledoras e monoparentais.