Nova

Política Social apoia a formación de mozas e mozos en países da Unión Europea a través do programa Galeuropa

Un grupo de 14 mozas e mozos dos concellos de Boqueixón, Touro, Vedra e Vila de Cruces realizarán prácticas non laborais en entidades e empresas de Irlanda, Italia e Malta

Fináncianse en total preto de 390 estadías de dous a tres meses de rapaces e rapazas entre os 18 e os 29 anos en países de toda a Unión Europea

Trátase de mellorar as oportunidades laborais dos participantes cando regresen a Galicia

Boqueixón (A Coruña), 28 de agosto 2019.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta mañá cun grupo de rapaces e rapazas dos concellos de Boqueixón, Touro, Vedra e Vila de Cruces que realizarán prácticas formativas non laborais en países da Unión Europea ao abeiro do programa Galeuropa. A Xunta financia con 105.000 euros o proxecto presentado de maneira conxunta por estes catro concellos para que 14 mozas e mozos completen a súa formación no estranxeiro.

En concreto, os participantes neste proxecto estarán durante tres meses adquirindo novas competencias en entidades, empresas públicas ou privadas de Irlanda (3 mobilidades), Italia (3 mobilidades) e Malta (8 mobilidades). Cristina Pichel destacou a importancia desta experiencia para ampliar os seus coñecementos, aprender o idioma do país de destino e mellorar así as oportunidades laborais cando regresen a Galicia.

A través de Galeuropa, que conta con financiamento da Iniciativa de Emprego Xuvenil e do Fondo Social Europeo, a Xunta subvenciona 383 estadías no estranxeiro de mozas e mozos entre os 18 e os 29 anos de idade inscritos no ficheiro nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade. A contía global das achegas ascende a preto de 2 millóns de euros, repartidos entre axudas individuais, para concellos e para entidades.

As prácticas poderanse realizar en calquera país da Unión Europea, incluído o Reino Unido. Esta convocatoria anticipa o 80% da axuda antes de iniciar as prácticas, para que a falta de liquidez non sexa un impedimento para participar nesta experiencia.

Galeuropa demostrouse útil para aumentar as oportunidades de emprego da xente nova. De feito, os datos de anteriores edicións apuntan que antes de iniciar as prácticas o 70% dos participantes estaban no paro e ao rematalas, tan só estaba nesta situación o 23%, 47 puntos menos.