Nova

Fabiola García anuncia un novo investimento de 1,2 millóns de euros para completar a mellora da residencia de maiores Porta do Camiño

Arestora execútase a reforma da instalación eléctrica en todo edificio e a instalación de pavimento e pintado de solos nas zonas comúns, e proximamente comezará a montaxe de novas caldeiras

Tamén está previsto executar nos primeiros meses do ano que vén o cambio completo do tellado do edificio

Estas obras dan continuidade ás xa realizadas no centro no que levamos de lexislatura e que suman no seu conxunto máis de 2 millóns de euros

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe, durante unha visita á Residencia de Maiores Porta do Camiño, a continuidade do programa de reformas neste equipamento con máis obras que se executarán ao longo dos vindeiros meses e ás que se destinarán 1,2 millóns de euros. Trátase de mellorar o benestar das máis de 80 persoas que son usuarias do centro e de reforzar a eficiencia enerxética do edificio.

Fabiola García detallou que neste novo paquete de obras inclúese dúas actuacións que nestes momentos están en marcha: a reforma da instalación eléctrica en todo o inmoble e a instalación de pavimento e pintado de solos nas zonas comúns. Tamén contempla a montaxe de novas caldeiras de gas cidade, que comezará proximamente, e o cambio completo do tellado do edificio, a obra de maior envergadura que se acometerá na residencia. Esta última intervención está en redacción e a súa execución está prevista para os primeiros meses do vindeiro 2020.

Todos estes traballos súmanse aos xa realizados na residencia no que levamos de lexislatura por un montante de 850.000 euros. Estes consistiron no cambio de todas as carpinterías, as balconeiras e as portas; a creación dunha nova área de enfermaría, a renovación da cociña e os dormitorios; e a mellora da zona onde bailan os maiores. En total, nesta lexislatura dedicaranse máis de 2 millóns de euros a mellorar estas instalacións.

Plan de obras en centros de toda Galicia

A reforma da Residencia de Maiores Porta do Camiño enmárcase no plan de obras nos centros de benestar social dependentes da Xunta que se está desenvolver en toda Galicia. A través deste programa, que conta cun orzamento de 13,7 millóns de euros, realízanse diferentes actuacións de mellora en residencias e centros de día, en recursos para a atención de menores e de persoas con discapacidade, en centros sociocomunitarios e en residencias e albergues xuvenís.