Nova

A Xunta facilita ás mozas e mozos galegos completar os seus coñecementos en países da Unión Europea a través de prácticas formativas

Subvenciónanse 383 estadías de ata tres meses no estranxeiro co obxectivo de mellorar a capacitación das persoas participantes e aumentar as súas posibilidades de atopar un emprego en Galicia cando rematen as prácticas

Santiago de Compostela, 26 de agosto 2019.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou esta mañá a importancia que ten o programa Galeuropa para reforzar a formación da mocidade e mellorar así as súas oportunidades laborais. Díxoo durante a recepción a case un cento de participantes nesta iniciativa que permite a realización de prácticas formativas non laborais en entidades, empresas públicas ou privadas de países europeos.

A través de Galeuropa, que conta con financiamento da Iniciativa de Emprego Xuvenil e do Fondo Social Europeo, a Xunta subvenciona 383 estadías no estranxeiro de mozas e mozos entre os 18 e os 29 anos de idade inscritos no ficheiro nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade. A contía global das achegas ascende a preto de 2 millóns de euros, repartidos entre axudas individuais, para concellos e para entidades.

O obxectivo é que as persoas participantes adquiran durante a súa estadía de dous a tres meses en entidades ou empresas de países europeos unha experiencia profesional que lles permita atopar traballo ao seu regreso a Galicia. Neste sentido, ademais de reforzar os coñecementos e habilidades da xuventude coa adquisición, entre outras, de competencias en idiomas estranxeiros, esta iniciativa contribúe a dotar de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego.

As prácticas poderanse realizar en calquera país da Unión Europea, incluído o Reino Unido. Esta convocatoria anticipa o 80% da axuda antes de iniciar as prácticas, para que a falta de liquidez non sexa un impedimento para participar nesta experiencia.

Galeuropa demostrouse útil para aumentar as oportunidades de emprego da xente nova. De feito, os datos de anteriores edicións apuntan que antes de iniciar as prácticas o 70% dos participantes estaban no paro e ao rematalas, tan só estaba nesta situación o 23%, 47 puntos menos.