Nova

Abre a inscrición para participar nos cinco campos de voluntariado medioambiental en Islandia

Hai nove prazas destinadas a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abre unha convocatoria extraordinaria para que mozas e mozos de entre 18 e 30 anos poidan inscribirse en algún dos cinco campos de voluntariado en Islandia que se ofertan. En total convócanse nove prazas.

Estes campos de voluntariado, que se desenvolverán en diferentes quendas en outono e inverno, forman parte do programa de actividades da Campaña de Verán que a Xunta de Galicia puxo en marcha este ano.

A reserva das prazas para esta actividade comeza o día 8 de agosto e a solicitude debe presentarse mediante un formulario na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

10.000 prazas en toda Galicia

A Campaña de Verán 2019, baixo a lenda O verán que queres vivir achega á mocidade 10.000 prazas. A proposta de actividades para esta tempada estival inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.

Nestas actividades participan mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Esta campaña de verán incorpora tres novos campamentos dos 21 que ofrece: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Campos de voluntariado

Este ano tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Desta maneira, os campos de voluntariado en Galicia que pon en marcha a Xunta para este verán conteñen 643 prazas, 40 máis das que había á disposición da mocidade no 2018.