Nova

Fabiola García anuncia que os campamentos de verán de 2020 serán os mellores da historia de Galicia

Salienta que ademais de ser un gran recurso de conciliación, contribúen á educación en valores das galegas e galegos do futuro

Porto do Son (A Coruña), 5 de agosto de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá que os campamentos de verán da Xunta de Galicia do 2020 serán “os mellores da historia”. Díxoo durante unha visita ás rapazas e rapaces que desde o pasado venres e ata o próximo domingo desfrutan no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son.

Fabiola García asegurou que os campamentos enmarcados na Campaña de Verán, ademais de ser un gran recurso de conciliación para as familias, tamén contribúen á educación nos valores que deben definir á Galicia do futuro: a empatía e o respecto polos demais e polo medio ambiente e o mantemento dun estilo de vida saudable. Por iso, indicou que a Xunta de Galicia traballa xa para que no 2020 a programación estival, que volveu medrar este ano, bata todos os récords con máis prazas, mellores instalacións e cunha mellor atención.

Nesta quenda do campamento xuvenil de Virxe de Loreto son 120 as mozas e mozos que desfrutan da experiencia. Ao longo das catro quendas que se desenvolverán en todo o verán, o número de rapazas e rapazas acadará os 420. Neste espazo realizan actividades como escalada, bicicleta de montaña, tiro con arco, surf ou kaiak, así como aprenden habilidades de orientación e primeiros auxilios.

10.000 prazas en toda Galicia

A Campaña de Verán 2019, baixo a lenda O verán que queres vivir achega á mocidade 10.000 prazas. A proposta de actividades para esta tempada estival inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.

Nestas actividades participan mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Esta campaña de verán incorpora tres novos campamentos dos 21 que ofrece: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Campos de voluntariado

Este ano tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Desta maneira, os campos de voluntariado en Galicia que pon en marcha a Xunta para este verán conteñen 643 prazas, 40 máis das que había á disposición da mocidade no 2018.