Nova

Aberta a inscrición para as mozas e mozos interesados en participar nas novas accións de voluntariado ambiental dentro do proxecto europeo Lewo

A nova quenda da iniciativa, que se desenvolverá entre os meses de agosto e novembro, oferta 360 prazas para persoas entre os 18 e os 30 anos de idade

Realizaranse tarefas de conservación e divulgación de espazos naturais emblemáticos de Galicia como o Parque Nacional da Illas Atlánticas, os parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, Corrubedo e Monte Aloia, ou algunha das Reservas da Biosfera que hai en Galicia

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2019.- A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ten aberto prazo de inscrición para participar no proxecto europeo Life Evergeen with Volunteer (Lewo), co que se facilita que as mozas e mozos galegos se implique en accións de voluntariado ambiental en diferentes en zonas da comunidade de gran valor natural. Esta é a segunda quenda neste ano da iniciativa, aprobada ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea, e ofértanse un total de 360 prazas para persoas entre os 18 e 30 anos.

A xente nova interesada poderá anotarse nas intervencións programadas ata tres días antes da realización de cada actividade e a admisión será por orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das prazas convocadas. As persoas seleccionadas recibirán un correo electrónico de confirmación da praza.

En concreto, o voluntariado participante levará a cabo tarefas de mantemento, sensibilización e divulgación ambiental nos Parques Naturais da Baixa Limia-Xurés, no de Monte Aloia; na Ribeira Sacra-Canóns do Sil, no Courel, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e no complexo dunar de Corrubedo. Tamén intervirán nas Reservas da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Bourón, das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e Terras do Miño.

Toda a información das datas e características das actividades propostas poden consultarse na páxina web de Voluntariado galego.