Nova

Rosa Quintana anima a asistir á Festa do percebe que se celebra esta fin de semana en Aguiño, no concello de Ribeira

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o labor da confraría de pescadores de Aguiño na organización da Festa do percebe que este domingo acollerá esta parroquia do concello de Ribeira. Neste sentido, a titular de Mar sinalou que a súa celebración se retrasou unha semana co fin de garantir a cantidade e a calidade dos percebes que se precisan para o evento, no que se prevé superar os 900 quilos das 2.000 racións repartidas entre os máis de 3.000 asistentes a este evento no 2018. Ademais Rosa Quintana aproveitou a ocasión para animar ás persoas a asistir a esta festa e para poñer de relevo a importancia desta especie na zona na que só na lonxa de Aguiño o ano pasado se descargaron máis de 41 toneladas por un valor de máis de 1,2 millóns de euros, preto dun 7 % máis que no 2017.

Engadiu ademais á exaltación gastronómica que se realiza nesta celebración se suman os recoñecementos coa entrega dos Percebeiros de honra, que este ano son para o escritor Andrés Torres Queiruga e para o actor e humorista Xosé Antonio Touriñán. Tamén se realizarán outras actividades como a II Regata traiñeiras feminina e unha exposición fotográfica que permitirá divulgar o duro traballo que realizan os percebeiros. Así o sinalou en Santiago de Compostela durante a presentación da edición XXII desta festa, na que a conselleira do Mar estivo acompañada pola conselleira de Política Social, Fabiola García.