Nova

A Xunta programa novas accións de voluntariado para a mocidade en espazos naturais ao abeiro do proxecto europeo Lewo

A nova quenda desenvolverase de agosto a novembro en espazos como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, Corrubedo e Monte Aloia, ou algunha das Reservas da Biosfera que hai en Galicia

Unha vintena de mozas e mozos galegos e doutras comunidades autónomas colaboran en tarefas de arqueoloxía na contorna do Courel

Folgoso do Courel (Lugo), 1 de agosto de 2019.- A Xunta de Galicia programa unha nova quenda de actividades para a conservación e divulgación do medio ambiente ao abeiro do proxecto europeo Life Envergreen with Volunteer (Lewo). A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a de Patrimonio Natural, Belén do Campo, deron conta desta iniciativa durante a visita que realizaron hoxe ás mozas e mozos que participan no campo de voluntariado do Courel.

Cristina Pichel destacou que o obxectivo de Lewo é concienciar á xente nova sobre a importancia de respectar e poñer en valor diferentes espazos naturais da comunidade de gran valor ambiental, ao tempo que se aposta polo voluntariado ambiental. Abrirase un período de inscrición en vindeiras datas no que se ofertarán 300 prazas dirixidas a persoas entre os 18 e os 30 anos de idade, que realizarán tarefas de limpeza, control de flora exótica prexudicial para os hábitats, obradoiros didácticos e de sensibilización e actividades de ocio educativo, entre outras accións.

Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, incidiu na importancia que ten este proxecto, aprobado no marco do programa LIFE 2016 da Comisión Europea, de cara ao obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural de Galicia a través da promoción de tarefas de voluntariado ambiental entre os mozos galegos en zonas emblemáticas da comunidade.

Concretamente, detallou que entre os meses de agosto e novembro vanse realizar actividades no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; nos Parques Naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés, no Monte Aloia e no Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; así como en tres das seis Reservas da Biosfera que hai declaradas en Galicia: Río Eo, Oscos e Terras de Bourón, As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e Terras do Miño.

Así mesmo, durante esta quenda tamén está prevista a realización de actividades na que aspira a ser a sétima Reserva da Biosfera da comunidade, a da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, unha candidatura na que a Xunta está a traballar, como lembrou Do Campo, co fin de presentala o antes posible ante a UNESCO.

Intervencións arqueolóxicas no Courel

As directoras de Xuventude e de Patrimonio Natural compartiron a xornada coa vintena de mozas e mozos galegos e procedentes doutras comunidades autónomas que desde o pasado día 22 e ata mañá conviven no campo de voluntariado do Courel. Durante estes días colaboran en intervencións arqueolóxicas nos castros e xacementos existentes na zona, e ademais coñecen máis en profundidade esta contorna ao realizaren rutas, saídas e visitas a lugares de interese.

Os campos de voluntariado forman parte da programación da Campaña de Verán 2019, a través da que se ofertan 30 propostas diferentes, cinco delas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

A programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade preto de 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas e actividades para maiores de 18 anos.