Nova

A Xunta de Galicia promove o contacto coa natureza entre os participantes dos campamentos de Palas de Rei e Melide

Un total de 480 mozas e mozos desfrutan de ambas actividades que forman parte da Campaña de Verán 2019

Os participantes realizan actividades como orientación, sendeirismo, tiro con arco ou bicicleta de montaña

Palas de Rei (Lugo), 26 de xullo de 2019.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá os campamentos que se están a celebrar nas localidades de Palas de Rei e Melide. Un total de 480 mozas e mozos, 240 en cada unha das iniciativas, participan nestas actividades que teñen como eixo principal o contacto coa natureza.

Durante esta semana, os participantes en ambos campamentos están a realizar accións ao aire libre na que a natureza sempre é protagonista. Así, no campamento xuvenil Os Chacotes, en Palas de Rei, as mozas e mozos desfrutan de escalada, orientación, tiro con arco ou Kaiak, ademais de obradoiros de sensibilización co medio ambiente. De igual forma, no campamento xuvenil Furelos, en Melide, as 60 rapazas e rapaces inscritos gozan de actividades como a bicicleta de montaña, sendeirismo, biomergullo fluvial ou tiro con arco.

En total, a Campaña de Verán chega a 9834 mozas e mozos, 62 máis que o ano anterior. A proposta de actividades para esta tempada estival inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.

Nestas actividades participan mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Esta campaña de verán incorpora como tres novos campamentos dos 21 que ofrece: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

 

Accións de voluntariado

Este ano tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Desta maneira, os campos de voluntariado en Galicia que pon en marcha a Xunta de Galicia para este verán conteñen 643 prazas, 40 máis que había á disposición da mocidade no 2018. Cómpre lembrar que aínda hai prazas dispoñibles en varios destes campos.