Nova

Mozos e mozas da Galicia exterior percorren o último tramo do Camiño de Santiago

Estiveron acompañados polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2019.- Uns 140 mozos e mozas de entre 15 e 20 anos da Galicia exterior residentes en América e galegos residentes na comunidade autónoma percorreron esta tarde o último tramo do Camiño de Santiago no marco do programa Conecta con Galicia, posto en marcha pola Xunta para fortalecer os lazos que os unen á súa terra de orixe.

Durante o percorrido estiveron acompañados polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

Este ano, sumando ás dúas quendas de xullo, estanse a beneficiar deste programa uns 270 mozos e mozas da Galicia exterior (procedentes de Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela e Cuba), e da Galicia territorial. Durante dez días estes mozos conviven, percorren o Camiño de Santiago e participan en actividades de natureza e aire libre no albergue de Gandarío.