Nova

A Xunta de Galicia reforza a atención ás mulleres e menores no Centro de Emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero (Cemvi)

Os dous novos convenios inclúen un programa de acompañamento ás vítimas e outro de atención a menores e dinamización infantil e xuvenil

Vigo, 23 de xullo de 2019.- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, asinou hoxe dous novos convenios para ampliar e mellorar os servizos que se prestan no Centro de Emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero (Cemvi), enmarcados nas actuacións que se desenvolven ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O primeiro dos convenios, asinado coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos de Vigo, trátase dun programa destinado a acompañar ás vítimas que ingresan no Cemvi durante os trámites que teñen que seguir unha vez chegan ao centro. Así, realízase un acompañamento á celebración do xuízo, ás consultas médicas, á comisaría ou a calquera outro organismo para o que se puidese precisar. A Consellería de Política Social destinará un máximo de 15.000 euros anuais para a financiación deste servizo.

Moitas das mulleres que ingresan no Cemvi fano acompañadas de menores, por esta razón, un dos obxectivos da Xunta de Galicia é mellorar a atención que se lles presta no centro. O convenio asinado coa Asociación Mulleres Progresistas de Vigo inclúe un servizo de atención ás nenas e nenos que permita a conciliación das nais, así coma a celebración de actividades de ocio e reforzo educativo. A este programa o Consorcio dedicará un máximo de 25.000 euros anuais.

Pola súa banda, Perfecto Rodríguez subliñou que o Goberno galego traballa cada día para mellorar e ampliar a atención que se lles presta tanto ás vítimas de violencia como ás súas fillas e fillos. Desta maneira, destacou o traballo que se leva a cabo desde este centro no que as mulleres e tamén os menores atopan un espazo seguro no que residir, así como o apoio de diferentes profesionais.

O Cemvi é un centro de referencia na atención ás vítimas de violencia de xénero. O centro xestiónao o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar en virtude dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo asinado en 2008, no que ademais se establecen as condicións de cofinanciación que posibilita o seu funcionamento.