Nova

A Xunta de Galicia convoca unha nova edición do programa para creadores novos Xuventude Crea

A convocatoria, que conta cun orzamento de 117.500 euros, inclúe unha nova disciplina: a danza moderna

O prazo para presentar as solicitudes de inscrición estará aberto ate o 30 de agosto e cada unha das 13 especialidades contará cun premio para os tres primeiros clasificados

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia convoca unha nova edición do programa para creadores noveis Xuventude Crea. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, deu a coñecer hoxe as novidades desta nova edición, que inclúe unha disciplina nova, a danza moderna. Así, o total de especialidades nas que se poderá participar será de 13: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, poesía, relato breve, teatro, danza moderna e videocreación. O orzamento total desta edición é de 117.500 euros.

O programa Xuventude Crea, que cumpre está dirixido a mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2019.

Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde que rexerá as bases da nova convocatoria do Xuventude Crea. Desta maneira, o prazo de inscrición, este permanecerá aberto desde mañá ate o vindeiro 30 de agosto.

Cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; e mencións de honra sen dotación económica. Cómpre lembrar que na edición do 2018, participaron un total de 357 mozas e mozos galegos ou residentes en Galicia que presentaron 257 proxectos individuais e en grupo. Foron premiados 53 traballos e 93 participantes

13 especialidades

Máis polo miúdo e con respecto a cada unha das especialidades, cómpre apuntar que no caso da denominada como artes plásticas inclúe pintura e escultura. O tema e as técnicas para participar serán libres e en escultura o peso máximo da obra non pode superar os 50 quilos.

En canto á banda deseñada, a temática será libre con textos en lingua galega; a técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

Para cociña, os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros. A receita presentada por cada participante, individual ou en grupo, pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder de 2 horas.

Na categoría de deseño de xoias a colección estará composta por tres pezas. A comisión seleccionará aqueles traballos que destaquen, especialmente, pola súa creatividade, a selección dos materiais e os acabados.

En fotografía, o tema e a técnica serán libres. Xunto coa documentación os participantes presentarán en CD, unha ou varias fotografías, ata un máximo de 6, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais.

As obras de graffiti o tema e a técnica serán libres e os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros. Á fase final poderán chegar un máximo de nove participantes.

No apartado de moda os participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas. Así mesmo, haberá que engadir unha ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

No ámbito musical poderán participar solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos, o mesmo que ocorre para teatro, e poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas.

Para poesía o tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12.

En canto ao relato breve, as obras deberán estar inéditas, ser orixinais, feitas en galego. Terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Na especialidade de teatro, poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2019. Admitirase que ata un 25% das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos. As representacións serán en lingua galega. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira e poderán presentarse obras orixinais. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos.

A especialidade de danza moderna incluirá catro disciplinas: contemporáneo, funky, lírico, jazz e fusión. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso, poderán ter un máximo de cinco integrantes. A duración da actuación non pode superar os cinco minutos e a coreografía debe ser inédita.

Os participantes de videocreación poderán presentar obras cun tema libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

Cartel Xuventude Crea 2019

Nesta edición a imaxe do programa Xuventude Crea 2019 é obra da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade (Amicos). O cartel recolle todas as especialidades que este ano forman parte desta iniciativa.