Nova

A Xunta financia un programa de apoio comunitario e de proximidade no rural para persoas con enfermidade mental en Galicia

A iniciativa promove a autonomía das persoas que sofren esta doenza a través de acompañamentos para coñecer os recursos da súa contorna e dun servizo de apoio emocional e mediación familiar

Este proxecto atendeu durante o 2018 a 160 persoas de 34 municipios diferentes
 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou un dos puntos nos que se presta o servizo, xestionado pola Asociación Avelaíña e Feafes-Galicia

Ponteareas (Pontevedra), 22 de xullo de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou os bos resultados do servizo de atención comunitaria e de proximidade no rural para persoas con enfermidade mental, financiado pola Xunta de Galicia e xestionado pola Asociación Avelaíña e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes-Galicia). Fíxoo esta mañá durante a visita a unha das instalacións nas que se realizou este proxecto.

Fabiola García indicou que esta iniciativa, que se desenvolveu durante o ano pasado, foi “un éxito”. Con ela atendeuse a 160 persoas de 34 municipios diferentes. En concreto, os ámbitos de actuación das accións levadas a cabo foron as provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

A Xunta de Galicia destinou 100.000 euros a través dun convenio de colaboración con Feafes para financiar este proxecto co que se realizaron actividades como apoio emocional, a mediación da situación familiar e o acompañamento en actividades de ocio e culturais, en trámites e asesoramentos de servizos sociais.

Neste sentido, a conselleira de Política Social gabou o traballo da Asociación Avelaíña, así como o das 14 entidades que integran a federación, centrado en mellorar a calidade de vida das persoas que sofren esta doenza e tamén das súas familias. Ademais, destacou a importancia de seguir a achegar servizos ao rural para apoiar a permanencia das persoas na súa contorna habitual.

Así mesmo, Fabiola García salientou que a Xunta de Galicia continuará a traballar da man de asociacións que comparten o obxectivo do Goberno galego de romper barreiras e tabús, para ofrecer cada día máis oportunidades ás persoas con enfermidades mentais. Nesta liña, recordou que a Administración autonómica destina 1,4 millóns de euros a Feafes, isto é, un millón máis do que se lle achegaba hai un década.