Nova

A Xunta destina máis de 178.000 euros a entidades locais para a prestación de servizos de atención temperá na comarca de Santiago

O delgado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a unidade do Servizo de Atención Temperá da mancomunidade de Ordes

Este ano destínase máis dun millón de euros a este servizo dirixido a prever e tratar trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos

Ordes (A Coruña), 22 de xullo de 2019.- O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez e o alcalde de Frades, Roberto Rey, visitaron está mañá a unidade de Servizo de Atención Temperá da mancomunidade de Ordes. Este ente supramunicipal presta servizo dende 2016. Este ano os concellos agrupados nesta unidade son Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Trazo e Tordoia. Este servizo ten como obxectivo apoiar o desenrolo infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Ao ano este SAT atende a unha media de 160 casos en Ordes. Esta unidade conta como persoal técnico con dúas logopedas, unha psicopedagogas e unha psicóloga.

O delegado territorial aproveitou a visita para informar da resolución deste ano na comarca de Santiago que destina máis de 178.000 euros para manter as 3 unidades de Atención Temperá existentes, a Agrupación de concellos de Santa Comba e Baña, cunha partida de 17.890 euros, o Concello de Teo cunha achega de 45.747 euros e a Mancomunidade de concellos de Ordes cunha subvención de 115.104 euros. As partidas varían en función do persoal e das horas necesarias en cada servizo.

As subvencións deste ano consolidan na provincia os 5 servizos xa existentes nas comarcas de Santiago e Barbanza, e financian a posta en marcha de tres novas unidades, a maioría xestionadas de maneira compartida por parte de mancomunidades e agrupacións de concellos, nas áreas de Ferrol e Coruña. En total, na provincia da Coruña funcionarán, grazas a esta nova convocatoria, 8 unidades de Atención Temperá cun investimento total de máis de 442.000 euros.

O obxectivo deste tipo de axudas é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, apostando por un modelo de servizo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.

Neste sentido, Ovidio Rodeiro destacou que “o ámbito municipal é idóneo para a prestación deste tipo de apoio aos máis novos pola súa proximidade á veciñanza e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, tendo en conta ademais que un dos principios reitores da Rede galega de atención temperá é a descentralización e proximidade”. Deste xeito, apuntou que “a finalidade é conseguir un achegamento eficiente ás persoas destinatarias mediante o desenvolvemento, sempre que sexa posible, de actuacións de base comunitaria para a inclusión social e nas que, polo tanto, a rede de recursos comunitarios (sociais, sanitarios e educativos) son peza fundamental nunha atención e prestación de calidade”.

Nos últimos dez anos a Rede galega de atención temperá pasou de cubrir 15 concellos en 2009 a superar os 90 na actualidade. Ademais destas unidades de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos de atención temperá nos hospitais públicos e de tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (Agat).