Nova

Política Social destaca o reforzo da colaboración con Agasfra na celebración da festa do verán da entidade

A Xunta pon a disposición das familias 159 prazas públicas nos diferentes servizos que xestiona a asociación viguesa

Vigo, 19 de xullo de 2019.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, participou esta tarde na festa de verán da Asociación San Francisco (Agasfra), na que se deron cita persoas usuarias, familiares e profesionais dos centros da entidade. Tamén se homenaxeou a representantes políticos que destacaron polo seu apoio a Agasfra e ao persoal da asociación que se xubila.

Ildefonso de la Campa destacou o compromiso do Goberno galego con Agasfra, que se traduce nun progresivo incremento nos últimos anos das liñas de colaboración coa entidade. De feito, a Xunta oferta 159 prazas públicas de atención á persoas con discapacidade intelectual nos diferentes servizos de día, residenciais, terapéuticos, de educación especial e formativos, e de respiro familiar que xestiona esta entidade viguesa. Nestas prazas invístense preto de 2,5 millóns de euros, un 15% máis que no ano 2009.

Este feito, indicou o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, expresa a vontade social da Xunta, ao tempo que ratifica a aposta por seguir a traballar de maneira conxunta coas entidades sociais na procura dunha Galicia máis inclusiva, integradora e cos mellores coidados para as persoas con discapacidade.