Nova

Miranda pide na novena xuntanza da emigración de Vilanova aos galegos do exterior e aos retornados que non esquezan nunca que Galicia os agarda sempre cos brazos abertos

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o secretario xeral da Emigración e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro, presidiron o acto

A cita anual, organizada polo Concello e a Coordinadora Federal de Asociacións Galegas en Alemaña, congregou no pavillón multiusos máis dun milleiro de persoas

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro, presidiron hoxe en Vilanova de Arousa a Xuntanza da Emigración, que acubillou o municipio arousán por segundo ano consecutivo. O acto, organizado polo Concello e a Coordinadora Federal de Asociacións Galegas en Alemaña, está a celebrar a súa novena edición, que congregou no pavillón municipal vilanovés máis dun milleiro de asistentes.

Entre eles destacaban os propios emigrantes, algúns retornados e outros residindo no exterior, e veciños da zona, a quen Miranda pediu expresamente que “non esquezan nunca que Galicia os agarde sempre cos brazos abertos”. “Non importa a idade, a procedencia nin mesmo o lugar de nacemento, porque cando un é galego, éo en calquera circunstancia e en todo momento”, engadiu. O responsable do departamento autonómico invitou os galegos “que están atravesando situacións difíciles e a aqueles que queren vivir a experiencia de Galicia a regresar a súa terra de orixe, de xeito temporal ou permanente, para que poidan seguir a transmitir ese amor polas raíces galegas ao redor e ás xeracións vindeiras”:

O Camiño, o maior patrimonio inmaterial

O secretario xeral da Emigración quixo aproveitar, ademais, a presenza do titular de Cultura e Turismo para animar a todos os galegos do mundo a converterse en embaixadores e protagonistas do Camiño de Santiago. “O Xacobeo 2021 vai centrar a atención de centos de millóns de persoas, non só en Galicia, senón no mundo enteiro, en cuestión de meses, e temos que ser nós, os galegos, quen deamos o primeiro paso e saquemos máis peito do que posiblemente sexa o noso maior patrimonio inmaterial xunto coa nosa lingua”.