Nova

A Xunta pon en contacto a mozas e mozos con profesionais do sector musical ao abeiro do proxecto Eurocidade 2020

Trala mesa de diálogo tiveron lugar varias actuacións musicais

Verín (Ourense), 20 de xullo de 2019.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde na presentación dunha mesa redonda titulada Factor pitching, un encontro cos profesionais que se desenvolveu ao abeiro do proxecto Eurocidade Chaves-Verín 2020. Esta actividade desenvolveuse no local de ensaios da Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil da Eurocidade, situada no concello de Verín, dentro dunha xornada que xirou ao redor da música.

Os participantes neste encontro foron profesionais de medios de comunicación e do sector da música, que explicaron en que consiste o pitching, termo anglosaxón que fai referencia a unha presentación verbal ou visual concisa e de apenas dous minutos coa que se trata de vender un proxecto ou a capacitación profesional. Neste caso, centrouse no ámbito musical.

Trala mesa redonda, os asistentes desfrutaron das actuacións musicais de Neiz, Laura Gándara, Maricio David, Manuel Mateus e Quintas

Iniciativa europea

O proxecto Eurocidade 2020, aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (Poctep), ten como obxectivo consolidar a Eurocidade Chaves-Verín como ferramenta de integración europea e de desenvolvemento sostible.

Os socios desta iniciativa de ámbito europeo son a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, o Instituto Portugués do Deporte e a Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesa, o concello de Verín e o municipio de Chaves.