Nova

A Xunta enxalza o compromiso de Aspace Galicia co benestar das persoas con parálise cerebral no 20 aniversario da entidade

O Goberno galego continuará co traballo conxunto coas entidades sociais para derrubar as barreiras que aínda hoxe teñen que afrontar as persoas con discapacidade no seu día a día

Pontevedra, 19 de xullo de 2019.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, enxalzou hoxe a traxectoria das entidades que forman parte de Aspace Galicia na defensa dos intereses e da mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral. Díxoo na celebración dos primeiros vinte anos de actividade desta federación, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Xunta.

Ildefonso de la Campa agradeceu a Aspace o seu traballo diario e esforzo, que considerou imprescindibles para garantir o benestar destas persoas. Un compromiso que, apuntou, marca o camiño que as Administracións públicas deben seguir para satisfacer as necesidades que teñen as persoas con discapacidade e as súas familias.

Por iso, garantiu a continuidade do apoio do Goberno galego ás entidades que, como é o caso de Aspace, teñen como obxectivo derrubar as barreiras que encontran no seu día a día aquelas persoas que teñen limitada a súa autonomía persoal por calquera motivo. De feito, a Xunta destina este ano 2019 un total de 106 millóns de euros á atención á discapacidade, un 63% máis que fai unha década.

Os actos deste 20 aniversario da Federación Aspace-Galicia celebrados na sede da Xunta na cidade do Lérez consistiron na proxección dun vídeo conmemorativo, nun relatorio a cargo do responsable do servizo de Neonatoloxía do Hospital Clínico San Carlos de Madrid, José Antonio Martínez Orgado, e nunha mesa de diálogo sobre a situación das persoas con parálise cerebral. Tamén se realizou un recoñecemento aos presidentes que tivo Aspace desde os seus inicios.