Nova

Política Social achega novos servizos móbiles de atención ás persoas maiores de Forcarei a través do programa RedMay

A poboación forcareiesa de máis de 55 anos recibiu de balde atención en optimetría, podoloxía e estimulación da memoria

O proxecto lévase a cabo nunha vintena de municipios de carácter rural e permite aos maiores acceder a novas prestacións cerca das súas casas e parroquias

Invístense 590.000 euros neste programa que conta co apoio da Unión Europea e no que tamén participan a Universidade de Vigo e a Cámara Municipal de Braga
 

Forcarei (Pontevedra), 19 de xullo de 2019.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou hoxe a importancia de achegar servizos sociais á poboación maior que reside no rural. Díxoo durante a visita ao equipo de profesionais da unidade móbil do programa RedMay, que durante cinco días prestaron servizos de optimetría, podoloxía e estimulación da memoria ás veciñas e veciños de máis idade de Forcarei

Ildefonso de la Campa explicou que a iniciativa RedMay, apoiada pola Unión Europea, consiste nunha rede de apoio ás persoas maiores de 55 anos que viven no rural. O obxectivo é facer posible que estas persoas accedan de maneira gratuíta a diferentes prestacións ao carón das súas casas, sen que teñan que desprazarse lonxe das súas parroquias ou contornas máis próximas.

Os diferentes recursos que ofrecen as unidades móbiles de RedMay irán rotando en función dos concellos, con estadías de cinco días en cada un deles. En total serán vinte os municipios que se beneficiarán deste programa, que se desenvolve entre os meses de xuño e novembro deste ano. Así, está previsto que na provincia de Pontevedra estean tamén en Dozón, Fornelo de Montes, Campo Lameiro e As Neves.

O investimento global neste proxecto, que tamén se leva a cabo na rexión norte de Portugal e na que a Xunta ten como socios á Universidade de Vigo e á Cámara Municipal de Braga, ascende a 1,1 millóns de euros, dos cales o 75% proveñen de fondos europeos. Deste orzamento total, 590.000 euros correspóndense coa participación da Administración autonómica.