Nova

Política Social incrementa un 28% o convenio con Alcer para a atención a nenos e nenas con enfermidade renal crónica

A contía do acordo para este ano 2019 acada os 27.000 euros

O obxecto é prestar apoio aos menores e á súa contorna familiar para que comprendan e poidan afrontar a doenza que padecen

A conselleira Fabiola García subscribiu esta mañá o novo acordo de colaboración coa entidade para dar continuidade á iniciativa

Santiago de Compostela 19 de xullo de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe, na firma dun convenio de colaboración con Alcer-Galicia, a importancia de ofrecer unha atención de calidade e o máis especializada posible ás persoas con doenzas do ril, sobre todo, ás nenas e nenos. A este obxectivo responde o acordo que a conselleira subscribiu esta mañá co presidente desta federación, Rafael Ramón Rodríguez Martínez, que garante a continuidade do programa Medro con Alcer e para o que se incrementa a achega autonómica un 28% con respecto ao ano pasado, ata chegar aos 27.000 euros.

Fabiola García indicou que este reforzo orzamentario é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego de traballar con intensidade e da man das entidades na mellora da calidade de vida das persoas que máis precisan de apoio, como é o caso daquelas que padecen unha enfermidade crónica. Neste sentido, enxalzou o labor diario que realiza Alcer Galicia para asegurar o maior benestar, participación social e independencia posible das persoas con insuficiencia renal crónica e das súa familias.

A través do programa Medro con Alcer, a Xunta pon a disposición das familias profesionais nos campos da psicoloxía e o traballo social para que lles presten axuda de carácter social, psicolóxica e educativa coa finalidade de que poidan afrontar a enfermidade. Trátase de apoiar aos menores e as súas familias no proceso de adaptación á doenza, así como de establecer unha maior coordinación entre todas as partes implicadas dentro dos procesos de atención sociosanitaria.

De feito, a entidade realizará labores de acompañamento aos menores e ás súas familias nos tratamentos de diálise e outras consultas médicas. Tamén prestará apoio educativo e psicolóxico, no caso de que sexa necesario.