Nova

A Xunta de Galicia reforza o programa Carné Xove para favorecer o acceso da mocidade a descontos e outras vantaxes

Increméntase a contía do acordo ata os 100.000 euros anuais e a entidade financeira realizará campañas para a promoción da iniciativa na súa rede de oficinas e caixeiros en Galicia

En Galicia están hoxe vixentes preto de 41.000 carnés e hai máis de 3000 establecementos e entidades adheridos ao programa
 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, renovou hoxe o convenio de colaboración con Abanca para dar continuidade a esta iniciativa

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe a aposta da Xunta por poñer a disposición da mocidade galega unha oferta cada vez maior de servizos e prestacións. Neste compromiso enmárcase o convenio de colaboración que asinou co director de Banca Institucional España de Abanca, Santiago Novoa Martínez, que dá continuidade ao programa Carné Xove, co que esta entidade financeira vén colaborando desde hai 20 anos.

Este novo acordo ten dúas importantes melloras con respecto ao anterior. A primeira é que se incrementa a súa contía ata os 100.000 euros anuais, 10.000 máis. A segunda, que Abanca realizará unha campaña anual de difusión e comunicación na súa rede de oficinas e caixeiros en Galicia co obxectivo de promover un maior coñecemento do carné xove.

Fabiola García explicou que esta iniciativa forma parte do programa Carné Xove Europeo, polo que está homologado cos que emiten o resto das comunidades autónomas e países de Europa que están adheridos ao mesmo. Deste xeito, a xente nova que é usuaria accede a diversas vantaxes como descontos e ofertas especiais nos establecementos colaboradores co carné xove que estean asentados en Galicia, noutras zonas de España e nos 40 países europeos que tamén participan nel. Estes bens e servizos abranguen todos os ámbitos: cultural, aloxamento, transportes, comercial, ensino, etc.

Descontos e seguro gratuíto de viaxe

Os titulares deste carné poden acceder a descontos nas instalacións da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como en determinados programas e actividades. Coa finalidade de fomentar a mobilidade, tamén inclúe un seguro gratuíto de viaxe que cubre calquera continxencia dos mozos nos seus desprazamentos ao estranxeiro.

A vixencia do carné é de dous anos a partir da súa expedición e está á disposición das persoas de entre 12 e 30 anos de idade, ambos incluídos. Na actualidade hai 40.700 carnés xove operativos en Galicia e o total de establecementos e entidades adheridas supera os 3.100.