Nova

A Xunta de Galicia e Institucións Penitenciarias amplían o programa Nelson Mandela á prisión da Lama

O obxectivo do programa é facilitar o regreso á vida en liberdade a través de itinerarios individualizados de inserción laboral

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o secretario xeral de Institucións Penitenciarias (IIPP), Ángel Luis Ortiz, e presidente da entidade estatal de Traballo Penitenciario e Formación para o Emprego (TPFE), asinaron hoxe o novo convenio para a posta en funcionamento do programa Nelson Mandela no centro penitenciario da Lama.

Esta iniciativa ofrece itinerarios personalizados adaptados ás necesidades de cada participante, tanto de preparación técnica como persoal, que combinan formación e integración laboral. O obxectivo é que as persoas amplíen as súas competencias e melloren as habilidades persoais e profesionais que lles axuden no seu camiño cara á plena inclusión. A incorporación do centro da Lama ao programa Nelson Mandela suporá a posta en marcha dun novo equipo de inclusión social, formado por dous profesionais e un asesor técnico.

A conselleira Fabiola García destacou que Galicia é pioneira coa creación fai dez anos deste programa, que na actualidade é un referente en España e en Europa. Por este motivo, apostouse por estendelo ao centro da Lama. Así mesmo, recordou o traballo do Goberno galego a través da Estratexia de Inclusión Social de Galicia, que permite achegar servizos de inclusión a todo o territorio galego.

Pola súa banda, o secretario xeral de Institucións Penitenciarias agradeceu o compromiso e a colaboración da Xunta de Galicia. Ángel Luis Ortiz destacou que a tarefa de lograr a inserción das persoas condenadas a penas de privación de liberdade corresponde a todos.“Se ben é á Administración Penitenciaria a quen lle corresponde exercer ese liderado e responsabilidade, a inserción plena na sociedade só se logrará coa participación e implicación de todos os axentes sociais”, indicou.

Persoas beneficiadas

O programa Nelson Mandela forma parte da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, deseñada e financiada pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, e desenvolvíase ata o de agora no centro penitenciario de Teixeiro. Polo momento foron máis de 1.500 internos os beneficiados polo programa.

Ademais do novo equipo de inclusión que se porá en servizo no penal da Lama con motivo da implantación do programa, e do que continúa activo no de Teixeiro, hai outros 18 equipos comarcais que traballan repartidos pola Comunidade Autónoma a prol da inserción sociolaboral e familiar dos seus participantes.