Nova

A Xunta achega o mundo da astronomía aos participantes do campamento da campaña de verán que se desenvolve no albergue de San Xoán de Río

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou ás rapazas e rapaces que participan nesta iniciativa con idades comprendidas entre os 14 e 16 anos

Este campamento oferta actividades que inclúen unha olimpíada interplanetaria, tiro con arco, aula da natureza, orientación, acampada e roteiros

Na provincia de Ourense a campaña de verán 2019 oferta 1.045 prazas en sete campamentos e sete campos de voluntariado

San Xoán de Río (Ourense), 17 de xullo de 2019.- Na campaña de verán organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social, este ano na provincia de Ourense ofértanse un total de 905 prazas, das que 100 son concertadas, en sete campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o campamento sobre astronomía que se está celebrando no albergue de San Xoán de Río, no que como actividade principal os rapaces observarán as estrelas de forma virtual. É unha das accións enmarcadas na campaña que, baixo a lenda O verán que queres vivir, a Xunta pon á disposición da xuventude galega para que empregue o seu tempo libre estival na realización de actividades de educación non formal.

No campamento de San Xoán de Río participan un total de 40 rapazas e rapaces, de idades comprendidas entre os 12 e 14 anos, que durante unha semana reciben formación sobre o mundo da astronomía e desfrutan de actividades variadas como aula de natureza, olimpíada interplanetaria, orientación, rastrexos, acampada, sendeirismo; ademais de participar en xogos de piscina e deportes de aventura como deportes de aventura como btt ou tiro con arco.

Durante a visita, na que tamén participou a xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso, Díaz Mouteira destacou a importancia de desenvolver este tipo de estadías nas que os participantes gozan dunha programación de ocio educativo e tempo libre de primeiro nivel e nas que ao mesmo tempo, medran persoalmente e coñecen a mozos e mozas de toda a comunidade autónoma.

En total, a campaña de verán chega a preto de 10.000 mozas e mozos. A proposta de actividades para esta tempada estival inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.