Nova

A Xunta amplía a rede de atención temperá con dez novas unidades que darán servizo a 26 concellos galegos

Destínase máis dun millón de euros a este servizo dirixido a prever e tratar trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano para a consolidación e implantación de novas unidades de atención temperá. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica o listado de entidades locais e agrupacións de concellos beneficiados destas achegas que ascenden no seu conxunto a 1,1 millóns de euros e que permiten abrir dez novas unidades de atención temperá que darán servizo a 26 concellos.

Estas subvencións consolidan os 16 servizos xa existentes, que atenderon o ano pasado a máis de 770 nenas e nenos, e financian a posta en marcha de dez novas unidades, a maioría xestionadas de maneira compartida por parte de mancomunidades e agrupacións de concellos. No que respecta ás candidaturas individuais de concellos, resultaron beneficiarios As Pontes; Tomiño, A Estrada e Mos. Pola súa banda, as agrupacións de concellos que contarán cunha unidade compartida son a de Conso-Frieiras (integrada por A Gudiña e Riós); a agrupación de concellos de Ferrol (da que forman parte Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño); Outeiro de Rei e Castro de Rei; Abegondo, Bergondo e Carral; Palas de Rei, Begonte, Friol e Guntín; e Salceda de Caselas e As Neves.

Nos últimos dez anos a Rede galega de atención temperá pasou de cubrir 15 concellos en 2009 a superar os 90 na actualidade. Ademais destas unidades de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos de atención temperá nos hospitais públicos e de tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (Agat).

A atención temperá é fundamental para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. Con esta nova concesión de axudas, a Xunta mantén a súa aposta por ampliar o número de municipios cubertos por estas unidades, que son básicas para a prevención, identificación e o tratamento precoz das necesidades específicas que poidan presentar os menores.