Nova

A Xunta reafirma a súa aposta por garantir a accesibilidade universal para as persoas xordas

A Consellería de Política Social destinou o ano pasado 860.000 euros á federación galega de persoas xordas para levar a cabo distintos programas e actividades

A Coruña, 16 de xullo de 2019.- O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá, os campamentos para nenas e nenos xordos e oíntes que xa están en marcha no Centro de Educación Especial (CEE) Nosa Señora do Rosario, organizados pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Nestes campamentos os participantes aproveitan a semana para gozar dunha gran variedade de actividades como a aprendizaxe e xogos coa lingua de signos, actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, a música, visitas aos museos ou actividades na natureza.

A entidade organizou dous campamentos o primeiro entre o 8 e o 12 de xullo para rapaces de entre 4 e 7 anos e o segundo que comezou este luns e rematará o venres 19 para rapaces entre 8 e 12 anos. Cada unha das quendas contou con 15 prazas.

Ovidio Rodeiro destacou “o traballo que realiza esta entidade que centra o seu esforzo en levar a cabo proxectos, iniciativas, programas e actividades que teñen como fin último mellorar a calidade de vida do colectivo de persoas xordas”.

O delegado da Xunta lembrou que “a Xunta incrementou a colaboración con FAXPG, o que ten permitido crear un novo servizo de atención psicolóxica e de logopedia, poñer en marcha máis proxectos de inserción sociolaboral ou desenvolver programas avanzados orientados á adquisición de habilidades para a vida autónoma. En total, a achega autonómica a esta federación, o ano pasado, ascendeu a 860.000 euros, co fin de acadar o obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas xordas en Galicia”.

O representante do goberno autonómico destacou que “todos os esforzos son necesarios para seguir avanzando en medidas que garantan a accesibilidade universal das persoas xordas”.