Nova

A Xunta de Galicia pon en valor a Fervenza de Quiroga a través dun campo de voluntariado

Un grupo de doce persoas procedentes doutras comunidades autónomas, de Vietnam e de Rusia ocúpanse de sinalizar e preparar novos accesos á fervenza do Pombar

A responsable de Xuventude tamén visitou ás nenas e nenos que participan no campamento que ten lugar no albergue deste municipio lucense

Quiroga (Lugo), 12 de xullo de 2019.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos 12 mozos e mozas que participan estes días no campo de voluntariado Fervenza do Pombar, que desde o pasado día 2 e ata a xornada de maña se desenvolve neste municipio lucense. Esta actividade, englobada dentro da Campaña de Verán 2019, ten como obxectivo poñer en valor esta contorna natural.

Cristina Pichel salientou a variada procedencia dos participantes nesta actividade de ámbito internacional, entre os que hai dúas persoas de Vietnam e outra rusa. O resto do grupo está formado por mozas e mozos de Valencia, Sevilla, Zaragoza, Madrid, Salamanca e Galicia. Tamén destacou a importancia dos campos de voluntariado como experiencia de educación non formal.

Neste caso concreto, o traballo altruísta destas persoas permitiu conservar e revalorizar este importante espazo natural. Así, realizaron tarefas de sinalización dos accesos á fervenza e de dinamización da ruta, coa limpeza do camiño xa existe, a creación dunha nova ruta ou a colocación de pasamáns. Tamén traballaron na elaboración dunha páxina web e unha ruta virtual na que se amosará a cartografía, planimetría e perfil da mesma; e códigos QR xeolocalizados con información sobre a flora, fauna e puntos de interese.

Os campos de voluntariado forman parte das actividades da Campaña de Verán 2019, a través da que se ofertan 30 propostas diferentes, 5 delas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Campamento no Courel

Antes de visitar o grupo de voluntariado que traballa na mellora da contorna da fervenza de Pombar, Cristina Pichel estivo coas nenas e nenos que participan no campamento que ten lugar estes días no albergue municipal de Quiroga e que se denomina Explora O Courel. Desde a xornada de onte e ata o xoves da vindeira semana, día 18, os participantes levarán a cabo obradoiros de arqueoloxía e xeoloxía, e visitas guiadas a puntos de interese da zona. Ademais, practicarán actividades deportivas como paddleboard, tiro con arco, kaiak ou bicicleta de montaña, entre outras.

Este campamento é un dos 21 que se realizan ao abeiro da actual Campaña de Verán. Destes, tres son novos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

A programación estival da Xunta de Galicia achega á mocidade 10.000 prazas, distribuídas entre campos de voluntariado, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.