Nova

O albergue xuvenil Benigno Quiroga acollerá este verán a 250 nenas e nenos no campamento A miña primeira aventura

O programa de ocio inclúe numerosas actividades de contacto coa natureza, como sendeirismo, acampada, vela ou kaiak, entre outras

A Campaña de Verán 2019 achega á mocidade galega 10.000 prazas en campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, propostas para maiores de 18 anos e campos de voluntariado
 

Portomarín (Lugo), 12 de xullo de 2019.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe ás nenas e nenos entre os 9 e os 11 anos que ata o vindeiro día 18 participan na segunda quenda do campamento A miña primeira aventura, que a Xunta de Galicia celebra no albergue xuvenil Benigno Quiroga. Durante os meses de xullo e agosto 250 rapazas e rapaces desfrutarán deste campamento que forma parte da Campaña de Verán 2019.

Nos oito días de campamento hai unha ampla e variada programación de actividades, a maioría de contacto coa natureza, como vela, kaiak ou sendeirismo e acampada. As nenas e nenos tamén farán patinaxe, slackline, tiro con arco, xeocaching, xincana de aventuras, obradoiros diversos e visitas.

Cristina Pichel destacou o liderado de Galicia en materia de accións de verán, xa que se achegan á xuventude 10.000 prazas en campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado. Ademais, apuntou que esta campaña non soamente favorece a participación das mozas e mozos en propostas de tempo libre cunha vertente formativa, senón que tamén facilita ás familias a conciliación e contribúe a dinamizar o sector da educación de tempo libre.

Todos os campamentos que organiza a Xunta de Galicia están abertos a persoas con discapacidade, e ademais estas teñan unha convocatoria específica para aquelas con idades comprendidas entre os 11 e os 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Tres novos campamentos

A actual Campaña de Verán, que leva por título O verán que queres vivir, oferta 21 campamentos, dos cales tres son novos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Este ano tamén se incrementa o número de campos de voluntariado ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.