Nova

A conselleira de Política Social subliña o liderado de Galicia en materia de campamentos de verán

Afirmou que é unha programación de referencia en toda España que chega a 10.000 mozas e mozos

A través desta campaña promóvese a participación da xuventude, a formación, a conciliación das familias e a dinamización do sector da educación de tempo libre

A edición deste ano inclúe tres novos campamentos e cinco novos campos de voluntariado
 

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta tarde o liderado de Galicia en materia de campamentos de verán.
Díxoo nunha resposta no Pleno do Parlamento autonómico na que deu conta da Campaña de Verán 2019 da Xunta, que achega á xuventude 10.000 prazas en campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.

Na súa intervención, Fabiola García destacou que a través desta iniciativa o Goberno galego promove a participación das rapazas e rapaces en actividades cunha vertente formativa, ao tempo que facilita ás familias a posibilidade de conciliar tamén na época estival. Tamén salientou que dinamiza o sector da educación de tempo libre.

Ademais, a conselleira afirmou que a ampla programación desta Campaña de Verán dá resposta á vitalidade, gañas de aprender e de vivir experiencias positivas da mocidade galega. Así mesmo, indicou que representa unha aposta polo voluntariado e a formación e reflexa o compromiso do Goberno galego coas propostas, inquedanzas e proxectos da xente nova.

Baixo a lenda O verán que queres vivir, a Xunta abre a participación nesta campaña a mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30, con independencia das súas capacidades ou necesidades especiais. Así mesmo, as persoas con discapacidade entre os 11 e os 40 anos de idade teñen unha convocatoria específica. Tamén hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Novidades

A actual Campaña de Verán incorpora tres novos campamentos dos 21 que ofrece: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Esta tempada estival tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían como campos de traballo, ata os 30, e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.