Nova

Mañá abre a nova convocatoria do Bono Concilia para axudar ao pago dunha praza nunha escola infantil

Máis de 4400 familias beneficiáronse desta medida o pasado ano, catro veces máis das que o recibían no 2009

O orzamento deste ano é de 3,5 millóns de euros, unha contía que se incrementará tanto como sexa necesario para atender todas as solicitudes recibidas

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria do Bono Concilia, unha prestación económica que axuda ás familias galegas no pago dunha praza na escola infantil da súa elección, naqueles casos nos que ou ben non consiga praza nunha escola infantil pública, ou porque residan nunha localidade na que non existan garderías sostidas con fondos públicos. A partir de mañá todo aquel que queira, poderá solicitar este recurso.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou hoxe, durante a resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia, o éxito do Bono Concilia logo de que máis de 4400 familias se beneficiaran desta prestación o pasado ano, isto é, catro veces máis das que o recibían no 2009.

Así mesmo, Fabiola García destacou que a nova convocatoria para o 2019 estará dotada con 3,5 millóns de euros, unha contía que poderá incrementarse tanto como sexa necesario para atender todas as solicitudes recibidas e para que non exista lista de agarda. Ademais, apuntou que se inclúen dúas novidades: amplíase o período de solicitude ata o 31 de outubro para aquelas familias nas que haxa un nacemento, adopción ou acollemento fóra de prazo ordinario e permítese que as familias con nenos nados en decembro do 2018 ou en xaneiro do 2019 que estean indo a unha escola infantil privada, poidan pedir o Bono Concilia sen ter que solicitar previamente praza nun centro público.

A conselleira incidiu en que a Xunta continuará a traballar para facer de Galicia o mellor lugar para formar unha familia e sinalou que “nunca antes na historia desta comunidade houbo tantos recursos de conciliación coma hoxe”. Ao respecto, recordou, entre outros aspectos, que o ratio de cobertura de escolas infantís é do 44%, 11 puntos por riba da recomendación da Unión Europea e o dobre que en 2009; que na actualidade hai 61 Casas Niño e que xa se levan concedidos 500 Bonos Coidado, para contratar de xeito puntual a unha persoa coidadora ante imprevistos ou sufragar o servizo de ludoteca.