Nova

Galicia colabora con Fetega no desenvolvemento de actividades formativas e de envellecemento activo

Contribúese con 32.000 euros a financiar a programación desta federación formada por 43 entidades de toda Galicia que suman 18.000 asociados

A conselleira, Fabiola García, asinou hoxe un convenio coa Federación Territorial de Asociacións Provinciais de Pensionistas e Xubilados de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, volveu reivindicar esta mañá que as persoas maiores teñan un papel activo en todos os ámbitos da sociedade, durante a firma dun convenio de colaboración coa Federación Territorial de Asociacións Provinciais de Pensionistas e Xubilados de Galicia (Fetega). En virtude deste acordo, a Xunta financiará actividades de formación, de benestar e envellecemento activo, e de carácter cultural e social que esta entidade desenvolva ao longo deste ano.

A achega económica da Xunta ascende a 32.000 euros e Fetega comprométese a incluír na súa programación accións dirixidas á promoción da saúde e o benestar, ao desenvolvemento da vida persoal e o ciclo vital, á exercitar habilidades sociais, promover a participación e o voluntariado, e ao uso e manexo das novas tecnoloxías.

Entre estas temáticas están, entre outras opcións, a formación en idiomas, en informática e en novas tecnoloxías da información e a comunicación, obradoiros de pintura, de manualidades, de memoria ou de prevención de caídas, a xerontoximnasia, actividade de coro, os clubes de senderismo e lectura ou accións de voluntariado. Tamén entran neste convenio visitas e saídas culturais que organice a entidade.

Fetega está constituída por 43 entidades de xubilados e pensionistas de toda a xeografía galega que suman 18.000 asociados.