Nova

Fabiola García destaca a colaboración da Xunta co Concello de Meaño para a escola infantil e o centro rural de apoio aos maiores

Sinala que a cooperación entre institucións favorece unha atención de calidade e próxima á veciñanza

Meaño (Pontevedra), 21 de maio de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe a importancia de que Administración autonómica e as locais sumen esforzos para poñer a disposición das galegas e galegos as mellores políticas sociais e multiplicar a eficacia das mesmas. Díxoo esta tarde durante unha visita á escola infantil e ao centro social de Meaño, na que estivo acompañada da alcaldesa deste municipio pontevedrés, María Lourdes Ucha.

Fabiola García sinalou que a colaboración e coordinación entre a Xunta de Galicia e os entes locais redunda nunha atención de calidade próxima á veciñanza, o que contribúe ademais a mellorar a calidade de vida dos concellos. Así mesmo, garantiu o compromiso do Goberno galego de continuar a traballar para que os recursos estean ao alcance de todas as persoas, alí onde vivan e onde exista unha necesidade.

A conselleira fixo fincapé na aposta pola cooperación con concellos e coas entidades de ámbito social, como a maneira de poñer en servizo máis recursos de conciliación e atención ás nenas e nenos, mellores prestacións para o coidado das persoas maiores e novos centros sociais que ofrezan actividades que dinamicen a vida local.