Nova

Política Social anima á participación na quinta edición da carreira e andaina solidarias pola esclerose múltiple

Arturo Parrado avogou por continuar a mellorar a coordinación nos ámbitos social e sanitario para prestar unha mellor atención ás persoas con esta doenza

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, animou hoxe á participación na nova edición da carreira e andaina solidarias pola esclerose múltiple, que este ano cumpre a súa quinta edición. Fíxoo no acto de presentación desta iniciativa que organiza a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (Acem) e que se celebrará o día 9 de xuño na capital galega.

Arturo Parrado enxalzou o traballo de Acem en favor das persoas que teñen esta doenza e co obxectivo de contribuír a mellor a calidade de vida delas, para o que avogou por afondar na coordinación nos ámbitos sociais e sanitarios para prestar a mellor atención posible a este colectivo. Tamén garantiu a continuidade do apoio da Xunta á entidade e apuntou que detrás de cada diagnose e de cada historial clínico hai unha persoa.

O prazo de inscrición nesta andaina e carreira solidarias permanecerá aberto ata o vindeiro 5 de xuño. Hai ademais un dorsal cero para todas as persoas que desexen colaborar, aínda que non participen no evento. Entre os obxectivos deste evento están o de dar visibilidade ás persoas con esclerose múltiple e concienciar ao conxunto da sociedade sobre esta situación.