Nova

Fabiola García salienta o traballo das entidades Down para que estas persoas ocupen o espazo que merecen na sociedade

No seu percorrido por Down Compostela tivo como guía a Iván, un dos 12 rapaces e rapazas con trisomía 21 que está a facer prácticas formativas en diferentes centros e dependencias administrativas da Xunta

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia do traballo que desenvolve Down Compostela para que as persoas con trisomía 21 “gañen en autonomía e ocupen o espazo que se merecen e que lle corresponde na sociedade”. Díxoo durante unha visita ás instalacións desta entidade na que foi guiada por Iván, un rapaz con síndrome de Down que está a facer prácticas formativas na Consellería de Política Social.

Fabiola García, que fixo a visita acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, explicou que Iván é un dos 12 mozos e mozas de Down Compostela, Dowm Lugo e Teima Ferrol que completan a súa preparación en residencias de maiores e outros edificios da Administración autonómica. Neste sentido, puxo en valor este acordo coas tres asociacións que fai posible que estas persoas “teñan a oportunidade que merecen para demostrar a valía que teñen”.

A conselleira garantiu o compromiso da Xunta de seguir a traballar, xunto coas entidades, para que as persoas con síndrome de Down teñan unha plena integración na sociedade. Trátase de que sigan a avanzar en tódolos ámbitos, como xa o están a facer no laboral, no do cinema e dos medios de comunicación e tamén no político, onde neste ano por primeira vez se lles garanten con normalidade todos os dereitos que lles corresponden como cidadáns.