Nova

A Xunta mantén aberto o prazo ás entidades locais para que pidan axudas para a creación de unidades de atención temperá

Poden acollerse a esta liña de achegas ata o vindeiro día 11 de maio

Estes servizos atenden, desde unha perspectiva preventiva, a nenas e nenos de entre 0 e 6 anos con algún trastorno no desenvolvemento ou con risco de padecelo
 

Antas de Ulla (Lugo), 23 de abril de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, recordou esta tarde, durante unha vista á Unidade de Atención Temperá que dá servizo ás familias de Antas de Ulla e Portomarín, que os concellos teñen de prazo ata o vindeiro 11 de maio para solicitar financiamento para a posta en marcha deste tipo de unidades. A convocatoria desta liña de axudas, dotada dun orzamento de 1,6 millóns de euros, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 10 de abril.

Na unidade de Antas de Ulla e Portomarín, un equipo de tres profesionais do ámbito da logopedia, a terapia ocupacional e a psicopedagoxía atenden a 23 nenas e nenos de entre 0 e 6 anos con algún trastorno no desenvolvemento ou con risco de padecelo. Nestes recursos faise fincapé en previr, identificar e actuar para que os menores teñan a máxima autonomía e gocen dunha mellor calidade de vida cando se fagan maiores. De feito, aos intervir antes hai máis opcións de evitar que os problemas perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.

Na actualidade, Galicia conta con 16 unidades de atención temperá que dan cobertura a 92 municipios, e a nova convocatoria posibilitará a entrada en funcionamento como mínimo doutras cinco. Cómpre indicar que ademais das unidades de titularidade municipal, a nosa comunidade dispón de recursos deste tipo nos hospitais públicos e de tres unidades nas comarcas do Deza, Salnés e Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (Agat).